A dirección de Navantia, á que tanto lle gustan os fitos, xa ten un máis na lista: o día 4 deste mes fixo xa CINCO MESES desde que chegou a un acordo co resto dos sindicatos da factoría de Ferrol (a CGT foi o único que non asinou) sobre a convocatoria das 179 prazas pendentes que corresponden á convocatoria 2022 do plan de empresa.

Navantia demostra unha nula vontade de que o proceso avance. Un exemplo: a lei recolle que as empresas de máis de 50 traballadores deben reservar, en determinados casos, prazas de ingreso para persoas con discapacidade.

Levamos moitas semanas esperando a que a empresa responda á pregunta de cal é a porcentaxe de persoas con discapacidade no cadro de persoal, para saber se se debe facer esa reserva ou non. E como isto, todo: semanas e meses sen respostas e sen concretar nada.

Despois de cinco meses, a única explicación a esta actitude da empresa é que sexa á mantenta, deliberada. É incrible que unha empresa pública actúe con este desprezo cara ós milleiros de persoas que aspiran a ter un emprego fixo en Navantia e que levan meses ou anos gastando o seu tempo (e, nalgúns casos, tamén os seus cartos) para preparar uns exames que non dan chegado.

A que si puxo en marcha Navantia foi a “convocatoria especial” que responde ós chanchullos clientelistas dos sindicatos amigos da empresa, tamén acordada o 4 de xaneiro.

Todo isto é unha auténtica VERGOÑA.


Fuente: Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol