Nova derrota xudicial para Navantia. A demanda presentouna un soldador da IA que, tras superar os exames, foi excluído no recoñecemento médico polas secuelas dunha doenza. Seguiu traballando na compañía e demandou. Tras perder en 1ª Instancia, gañou no Tribunal Superior de Xustiza da súa autonomía.
Para intentar xustificar a contradición, Navantia alegou que os servizos médicos da empresa son os únicos competentes para avaliar a situación e que… as condicións de traballo dos soldadores na principal son máis duras que na IA!
E trala ousadía de argumentar isto, a empresa describía un panorama terrorífico: estrés térmico por altas temperaturas, espazos confinados, fumes tóxicos, óxidos de metais pesados, radiacións non ionizantes…
A sentenza é contundente: destaca o valor dos informes médicos do servizo especializado da sanidade pública (que non ve incompatibilidade ningunha) e considera que Navantia violou a Lei de Prevención de Riscos Laborais (posto que se os traballadores están sometidos a riscos de saúde, a obriga da empresa é tomar medidas para evitalos) e a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (que protexe contra a discriminación por razón de enfermidade).
A sentenza incluso sinala que, no caso de traballador@s especialmente sensibles, a obriga de Navantia é adaptar o posto de traballo, que «nunha empresa pública como Navantia, a priori, razoablemente non suporía unha carga desproporcionada, nin un custe financeiro excesivo, dado o seu volume de negocios, dispoñibilidade de fondos públicos e axudas, máxime tendo en conta a capacidade e medios dos servizos médicos de prevención de que dispón, como quedou demostrado na copiosa documental aportada pola empresa».
Navantia foi condenada a contratar «de forma inmediata» ó excluído e a pagarlle o salario desde o outono de 2021, a razón de 61,61 €/día.
Navantia non recorreu esta sentenza, o cal contrasta co caso da excluída en Ferrol por exceso de madureza persoal e exceso de coñecemento profesional. A CGT esixe que Navantia retire o recurso e acate a sentenza do TSXG que lle dá a razón á excluída.
Fuente: CGT-A Coruña