A CGT foi chamada este martes por traballadores dun departamento de Navantia-Ferrol porque, a diferenza doutros departamentos da empresa, nos que ante o altísimo nivel de contaxios nesta 6ª onda houbo unha ampliación do teletraballo, nese departamento non se permitía dita ampliación.

Cando acudimos alí, soubemos ademais que unha das traballadoras do departamento está embarazada.

O problema xa está solucionado (polo menos temporalmente). Pero consideramos MOI GRAVE que nunha empresa pública se obrigue a unha traballadora embarazada a estar sometida a unha situación de risco. 

A covid pode ter implicacións para o organismo humano que aínda descoñecemos; e os posibles efectos sobre os fetos aínda se descoñecen máis. O embarazo é unha situación de risco e as traballadoras embarazadas teñen a consideración de TES (Traballador@s Especialmente Sensibles).

Dado que é indiscutible que o traballo presencial implica un aumento no número das interrelacións sociais, un factor de contaxio moi importante, a CGT esixe que Navantia adopte as seguintes medidas: 

1)         Se a embarazada pode teletraballar, permitirlle o teletraballo durante todo o embarazo.

2)         Se as funcións da embarazada non permiten o teletraballo, tomar outras medidas para que non teña que acudir presencialmente á empresa (ben sexan medidas no ámbito da Administración Pública ou da propia Navantia).

O benestar das traballadoras embarazadas e das súas futuras criaturas non pode verse en risco por motivos laborais. Garantilo en Navantia é responsabilidade da dirección de Navantia.

 


Fuente: Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol