O Comité no día de hoxe, ante o desprezo e falta de resposta despois dos paros masivos do martes, decidiu acudir ao Edificio de INDITEX a esixir unha rectificación á modificación, imposta unilateralmente, dos calendarios e á continuada diminución da carga de traballo no almacén que evite un maior conflito. A intención da visita, era a de tratar de reunirnos cun interlocutor con capacidade de decisión para un posible compromiso de solución, xa que os do almacén están totalmente desautorizados. A dirección de INDITEX, ante a visita inesperada, accedeu a reunirse co Comité. Coa actitude prepotente de sempre, recoñeceron que a modificación dos calendarios era unha imposición que non ían retirar e fían todo a que a xustiza lles dea a razón. Para máis desprezo, cominaron ao Comité a que reeducara o persoal. Consideran que, no sitio de protestar, deberiamos explicar ao persoal que o peche patronal do 1 de maio era un asunto sen importancia e que todos e todas deberiamos dar as grazas polas condicións que temos. Ao mesmo tempo, e con gran cinismo, recoñecen que non se poden comprometer a que esta sexa a última vez que impoñan un cambio unilateral no calendario.

O Comité non lle vai permitir a INDITEX esta falta de respecto nin, por suposto, o incumprimento flagrante dos acordos que temos (sen agardar a esa decisión xudicial na que INDITEX confía). Menos, despois da manifestación de unidade de todo persoal do almacén nos paros de martes.

Ante esta situación temos a obriga de convocar mobilizacións, para mostrarlle que non nos van arrebatar os nosos dereitos por moito que o intenten:

MANIFESTACIÓN, DOMINGO 12 DE MAIO, SAÍDA ÁS 12:00 HORAS DA PRAZA DE LUGO ATÉ O PASEO DA DÁRSENA. 

Paróns de 4 horas na saída de cada quenda, o luns 13 e o martes 14. 

A partir do mércores 8, realizaremos asembleas en tódalas quendas de comida durante toda a semana.

As intencións de INDITEX son condenar este almacén a unha paulatina decadencia en beneficio doutros. Iso inclúe ir diminuíndo os nosos dereitos. A defensa dos calendarios e dos acordos significa a defensa dos postos de traballo

TEMOS QUE DEFENDERNOS DESTE ATROPELO TODOS XUNTOS POLO NOSO FUTURO!!!


Fuente: CGT-A Coruña