Reunión coa empresa hai uns días. A CGT pide que se demostre que un candidato cumpre os requisitos. A empresa non consegue demostralo, pero CCOO e MAS dan por boa a situación. No medio da xuntanza, a persoa de RRHH que está proxectando distintos documentos recibe un correo, que aparece brevemente na pantalla: “Non volvas abrir o e-mail”. Quen lle manda a mensaxe? A persoa de RRHH que está sentada á súa beira.

Reunión coa empresa hoxe pola mañá. A CGT pide comprobar se a empresa atendeu unha reclamación presentada fóra de prazo.

RRHH intenta enganarnos ensinando outra reclamación. Cando acaba por verse obrigada a ensinar a que está fóra de prazo, primeiro argumenta que cando alguén reclama algo se revisa todo (cousa que é totalmente falsa) e despois cualifica o tema de “erro”. Todos cometemos erros, pero o problema destes “erros” que comete a empresa é que sempre favorecen ós mesmos.

Para a CGT non cabe ningunha dúbida de que a resposta da empresa ás diversas circunstancias que se producen nos procesos de ingreso depende de que sindicato plantexe o tema.

Como xa vimos en vésperas das últimas eleccións sindicais, cando a empresa intentou influír no seu resultado anunciando catro días antes da votación unha choiva de 800 ascensos, a dirección de Navantia intenta favorecer ós sindicatos que colaboran con ela, que lle axudan a manter a paz social, que miran para outro lado ante os problemas dos traballadores, empezando polos da industria auxiliar, pero tamén da principal.

Dado que se demostra que non podemos fiarnos da información que proporciona RRHH, a CGT esixe que, a partir deste momento, Navantia reenvíe ó comité, mediante unha regra automática en tempo real, as reclamacións todas que reciba.

A actuación de Navantia é unha vergoña. A CGT vai seguir loitando con toda firmeza para que nos procesos de ingreso haxa unha igualdade de oportunidades real, como corresponde a unha empresa pública.

 


Fuente: Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol