O pasado 11 de abril o comité de empresa logra un acordo coa dirección de ABAI no cal se garanten os postos de traballo no centro da Coruña despois da convocatoria de mobilizacións.
A dirección da empresa de telemarketing ampliou de maneira sorpresiva a campaña do servizo de O2 ( Movistar) e puxo en marcha unha de ENDESA despois de coñecer o calendario de mobilizacións proposto polo Comité.
Unhas semanas antes, a compañía negábase a garantir todos os postos de traballo no centro da Coruña, alegando que non tiña carga de traballo suficiente. Isto levou ao Comité a iniciar unha serie de accións co fin de protexer o emprego, o que provocou que a dirección se tomase en serio as reivindicacións das traballadoras/es.
O 11 de abril, despois dunha exitosa concentración diante da tenda de Movistar na praza de Pontevedra, celebrouse unha reunión ante o servizo de mediación da Xunta de Galicia (AGA) onde o Comité conseguiu un compromiso firme da compañía coa viabilidade do centro da Coruña.
O presidente do Comité, Adrián Seijas, considera un “éxito” o acordo alcanzado, “garántense os postos de moitas compañeiras que fai un par de semanas non sabían o que ía suceder”, tamén sinala que “nunca sería posible sen a presión exercida polas traballadoras, que deixaron moi claro na asemblea que había que loitar ata o final”. Adrián Seijas sinala “que as mobilizacións e a folga serven”.
Unha vez asinado o documento, o Comité comprométese a desconvocar a folga e a manifestación prevista para o 17 de abril, ao entender que os seus obxectivos están cumpridos.
O Comité sinala que estará moi vixiante para que se cumpran todos os puntos do acordo, de non ser así, levarán a cabo as accións que sexan necesarias.
Fuente: Comité de empresa de Abai Business Solutions A Coruña