Feitos: un grupo de traballadores subcontratados en Cartagena demanda por prestamismo laboral. Navantia ameázaos e a maioría retira a demanda. Un segue, e unha sentenza do 30 de decembro de 2019 dálle a razón. Navantia ignóraa, pero acaba sendo obrigada xudicialmente a incorporalo a plantilla como indefinido non fixo o 25 de xaneiro de 2021. Este mesmo día é despedido. Nova demanda, que Navantia tamén perde.
Todo isto é grave dabondo. Pero aínda é mais grave o que se le na segunda sentenza.
Para artellar o despedimento, Navantia simulou en outubro de 2020 un proceso de convocatoria da súa praza, proceso no que o despedido non foi admitido! Como era indefinido non fixo, Navantia alegou que podía ser cesado ó cubrirse o seu posto de traballo. Isto sería certo se o proceso de selección se axustase á lei, pero non foi o caso.
Segundo a sentenza, o responsable de selección de Navantia non soubo explicar no xuízo “cales eran os requisitos esixidos, nin os criterios de selección nin por que o demandante ficou excluído”. E a testemuña de Manpower, empresa encargada da selección dos candidat@s, “tampouco foi capaz de explicar cales eran os motivos polos que se excluíra ó demandante, chegando a referirse incluso a un erro de administración cometido na notificación dirixida a el, provocado polo gran número de solicitudes que teñen que procesar e avaliar de xeito simultáneo”.
Conclusión do xuíz: “o proceso de selección ó que se acolle Navantia (…) non cumpre os requisitos de publicidade, transparencia e imparcialidade que establece a Lei (…) e que a propia empresa menciona na carta de despedimento. (…) Trátase, en fin, dunha represalia encuberta cun proceso de selección artificioso”.
Vaia cinismo! Cando un traballador da IA gaña unha sentenza por prestamismo laboral, RRHH o despide argumentando que… ¡Navantia é unha empresa pública e a lei establece que a entrada ten que ser con publicidade, transparencia e imparcialidade!
Pero cando CCOO, MAS e UGT lle pediron aquí en Ferrol que contratase a dedo, entón nin publicidade, nin transparencia nin imparcialidade. Nin sequera un “proceso de selección artificioso” para intentar disimular.
Tódalas contratacións de Navantia deben facerse nas mesmas condicións de acceso que os empregos na Administración pública, como marca a lei.
Nota: Achegamos a sentenza referida.
Fuente: CGT-A Coruña