Este venres día 8 as traballadoras e traballadores de Atento protagonizaremos unha nova xornada de loita, secundando masivamente un paro de 24 horas e concentrándonos ás 12 horas en Juan Flórez para berrar pola readmisión dos 5 compañeiros recentemente despedidos pola empresa de xeito indesexable, ademais de inxustificable. Recordamos que son 5 traballadores que prestaban servizo para Movistar, no seu nº de atención de avarías e asesoramento técnico (1002) 

Coincide esta xornada coa apertura, hai xa 25 anos, do centro de traballo de Atento na rúa Juan Flórez 80-82. Vinte e cinco anos marcados por constantes conflitos laborais, algúns con moita repercusión e apoio social amosado en diversas manifestacións pola cidade. Atrás quedaron despedimentos masivos, groseiramente argallados por Telefónica e, no seu momento, súa filial Atento, para facer desaparecer centos de postos de traballo sen máis xustificación que a cobiza empresarial. Deste xeito, e ao igual que noutras empresas do sector, pasamos de máis dun millar de persoas traballando a pouco máis de 400 neste momento.

Así e todo, as manobras de Atento e Movistar para desfacerse do persoal mudaron nos últimos anos e, aproveitándose dunha normativa laboral que permite o despido libre -a cambio de miserentas indemnizacións nun sector laboralmente explotado e sempre empobrecido- atopámonos cun incesante goteo de despidos disciplinarios e individuais; estratexias que pretenden acalar as voces combativas a base de paus empresariais constantes. De feito, nos últimos anos son preto de dous centos os postos de traballo desaparecidos en Atento Coruña, coa pretensión empresarial de que os despidos non teñan resposta sindical nin repercusión mediática.

Por todo isto e en defensa dos postos de traballo, volvemos saír á rúa.


Fuente: CGT Atento A Coruña