Luns, 19 de xuño, concentración das/os traballadoras/os de ABAi  ás 20h no Obelisco da Coruña

O 19 de xuño está convocada a segunda xornada de folga de 24 horas en ABAI, con motivo do ERTE. Ese mesmo día ás 20 horas terá lugar unha concentración no Obelisco da Coruña.

Nese acto levarase a cabo unha acción performativa que permita dar visibilidade ao conflito aberto por parte da Dirección de Abai e que está apoiado pola empresa de telecomunicacións Movistar.

O pasado 13 de xuño celebrouse outro paro de 24 horas, en todo Estado Español, que tivo un seguimento masivo, principalmente no centro da Coruña, acompañado por unha manifestación multitudinaria que percorreu o barrio coruñes de Matogrande ao berro de “non ao erte en Abai”.

O Comité de empresa recrimínalle á  Dirección de ABAI que se negue a escoitar as demandas das/os traballadoras/es, un xesto que confirma o desprezo e a falta de consideración que teñen os responsables da compañía cara ao conxunto do persoal.

Nas dúas últimas reunións do proceso de negociación, a mercantil non acreditou as causas que esgrime para xustificar o ERTE. Aluden ao descenso da carga de traballo, principalmente na campaña de Movistar, algo que choca coa solicitude, por parte da empresa, de ampliacións temporais de xornada ou a denegación de vacacións.

O Comité de empresa da Coruña reafírmase en que existe carga de traballo para todo o persoal, polo que a medida é totalmente inxustificada e pide a retirada inmediata do expediente.

O Comité de empresa fai un chamamento á mobilización cidadá para que apoie o acto reivindicativo do próximo luns, nun xesto de compromiso pola conservación de todos os postos de traballo e pola defensa das condicións laborais.

Presidente do Comité de empresa

Adrián García Seijas


Fuente: Comité de empresa de Abai Business Solution, S.A.U. na Coruña