O mércores 26 de febreiro, en todo o estado, e o 5 de marzo nas provincias galegas, o persoal da S.E. Correos eTelégrafos S.A están chamados a secundar unha serie de folgas convocadas por CGT que concluirán o 14 de marzo cunha nova convocatoria de folga a nivel estatal e acudir ás mobilizacións convocadas para esas xornadas. Tras moitos anos de empeoramento do servizo público e das condicións laborais que ocasionaron un gran malestar esperábase que a negociación do Acordo Marco e do IV Convenio Colectivo abrise unha xanela á mellora do servizo público prestado por Correos.
Con todo, a Directiva de Correos encabezada polo presidente Pedro Saura e o Director de Recursos Humanos Fernando Ramírez, puxo sobre a mesa unha batería de agresivas modificacións que, de levarse a cabo, suporían un gravísimo revés para os dereitos do persoal e para a prestación do servizo postal público. Un dos principais obxectivos do documento, é reducir a masa salarial a un 70% en dous anos (actualmente está nun 90%) o que suporía de feito, unha redución do persoal de entre 8000 e 10000 postos de traballo segundo cálculos do noso sindicato, convocante da folga. Isto, suporía unha maior carga de traballo para o persoal restante, con zonas de reparto máis amplas e imposibles de repartir e supón unha estocada de morte á adecuada prestación do servizo postal público nas condicións que recolle a lei postal.
Durante o mes de decembro producíronse varias reunións para a negociación do devandito convenio. De forma precipitada, o día 30 Correos remitiu un documento denominado «Acordo Marco Correos e Sindicatos» onde situaba os eixos estratéxicos a seguir pola dirección os próximos anos. Redución do persoal (actualmente rolda os 48000 traballadores cando en 2008 eran 66000 os carteiros), flexibilidades horarias, bolsa de horas ao servizo da empresa, retribucións variables vinculadas ao cumprimento de obxectivos, etc
Así mesmo, este Acordo sitúa a pretensión de Correos de implementar un plan de saídas voluntarias incentivadas para persoas traballadoras de máis de 61 anos, pero con incentivos económicos con máximo dun ano de salario, o que levará que os traballadores se vexan abocados a solicitar a xubilación voluntaria anticipada coa diminución que supón para a contía das súas pensións de xubilación
A empresa pública (a maior de España) busca introducir todos estes cambios canto antes e, por iso, deseñou a negociación en dúas fases. Unha primeira até o 15 de marzo, momento no cal, se se produce a firma da maioría sindical, aprobaríase este Acordo Marco que modificaría o actual Convenio. Outra segunda fase desenvolveríase posteriormente -sendo o 1 de outubro deste ano a data indicada para concluír- e nela abordaríanse os temas e eixos restantes até elaborar o IV Convenio Colectivo.
O 31 de decembro CCOO, UXT e CSIF subscribían o Acordo Marco e o 10 de xaneiro, sumaba a súa firma o Sindicato Libre. Desde CGT estimamos que referendar este documento como base da negociación supón en primeiro lugar, claudicar das funcións de Correos como servizo público e, ademais, ceder ás ambicións empresariais, renunciando desde o primeiro minuto ás reivindicacións defendidas polos traballadores.
Coruña
Ferrol