Skip to Navigation

Un ano de plan de empresa de Navantia

 

UN BALANCE NEFASTO

O plan de empresa de Navantia, asinado a finais de decembro de 2018, creou certas expectativas, xa que significaba a incorporación dun número importante de traballadores/as e a promesa de investimentos na construción dun estaleiro moderno (dique para construción, novos talleres, aplicación dos conceptos da industria 4.0, etc.). ¿Cales son os feitos un ano despois?

Sección Sindical Unitaria en Navantia-Ferrol


Un ano despois, a descomposición de Navantia agudízase perigosamente. Estamos vendo unha ACELERACIÓN DO PROCESO DE SUBCONTRATACIÓN MASIVA que xa se viña dando, tanto na produción como no deseño. Todo o discurso da empresa é pura leria. Neste ano trancorrido, Navantia baleirou os talleres de Tubeiros e de Chapa Fina, abandonou as liñas de previas e paneis do taller do Elaborado (só permanecen en mans da principal o corte e o figurado), está deixando morrer Turbinas negándose a dotala do persoal que necesita...

Pero non se trata só da produción. Trala enxeñaría de detalle, agora estase a subcontratar gran parte da enxeñaría funcional. É dicir, A DIRECCIÓN DE NAVANTIA ESTÁ A SUBCONTRATAR AS TAREFAS DECISIVAS, INCLUÍDAS ALGUNHAS QUE SON CRÍTICAS, RELEGANDO ÓS TRABALLADORES/AS DA PRINCIPAL A TAREFAS SECUNDARIAS E DE XESTIÓN. Como comentou un compañeiro da Sala Técnica: “para Navantia, hoxe en día, un barco se reduce a unha folla Excel”.

O desenvolvemento do plan tamén dá pistas moi claras. Por unha banda, o 75% dos novos ingresos serán persoas con moi pouca ou ningunha experiencia, cando o que Navantia necesita son profesionais. Por outra banda, digan o que digan, o plan non prevé a transferencia de coñecementos entre os traballadores que saen e os que entran. Do contrario, se tería optado por contratos relevo ou pola incorporación dos novos traballadores antes das prexubilacións.

¿En que situación se atopan os investimentos? Segundo comunicou a empresa nunha xuntanza co comité o 23 de xaneiro, en decembro deste ano empezaría a construción dun taller de bloques planos, que non estaría listo até como mínimo xaneiro de 2023, e polo tanto a primeira fragata coa que se faría o corte de chapa sería a F-112. Todo isto supoñendo que se cumpran os prazos. Do novo dique, por agora nada de nada.

Un plan de empresa pode estar ó servizo de moitos propósitos. Pode estar ó servizo dos traballadores ou ó servizo dos empresarios da IA (e os seus cómplices necesarios dentro de Navantia). O futuro de Navantia non depende dun plan en abstracto, senón dun plan que sirva para fortalecer a empresa pública.

A idea dos que argallaron todo isto é clara: unha empresa pública que asuma os gastos fixos que implica un estaleiro (instalacións, servizos comúns, mantemento...) e que se encargue da xestión comercial, e unha subcontratación masiva do traballo que se consiga. ¿Que non hai carga de traballo? Despídese ós traballadores/as da IA, e os empresarios non teñen gastos porque o propietario do estaleiro é o Estado, que tamén é o que busca novos contratos. ¿Que hai carga de traballo? Aparecen os empresarios e se forran a costa da precariedade e a explotación dos traballadores. ¿Que esa precariedade fai difícil atopar profesionais? Pois veña a choromicar para que o Estado pague a formación, como se esta non fose coas empresas.

Non teño instalacións, non busco choio, non formo, non manteño os meus profesionais..., só aparezo para poñer o cazo cando hai negocio. Así é “empresario” calquera. A chamada “iniciativa privada” é un timo porque se apoia no saqueo sistemático de recursos públicos. Os empresarios son innecesarios porque non xogan ningún papel na produción. Son meros explotadores de man de obra, son uns PARASITOS SOCIAIS.

Os feitos son teimudos: este plan de empresa é unha continuación do desmantelamento posto en marcha cos plans de 1999 e 2005.

Navantia xa non pode construír un buque por si soa e, polo camiño que leva a Sala Técnica, queda moi pouco para que tampouco poida deseñalo. A subcontratación é o problema de futuro máis grave que afronta Navantia.

Hai que pedirlle ó novo goberno que adopte medidas de inmediato para corrixir este rumbo. Neste senso, para a CGT É NECESARIO QUE, Á REIVINDICACIÓN DE CARGA DE TRABALLO, LLE SUMEMOS:

1) A DENUNCIA DE TODO O PROCESO DE PRIVATIZACIÓN INDIRECTA A TRAVÉS DA SUBCONTRATACIÓN.

2) A REIVINDICACIÓN DE QUE NAVANTIA CONTRATE DIRECTAMENTE, MEDIANTE CONVOCATORIA PÚBLICA E CON TÓDALAS GARANTÍAS, OS PROFESIONAIS QUE NECESITA PARA FACERSE CARGO TANTO DA XESTIÓN COMO DO DESEÑO E A CONSTRUCIÓN DOS BARCOS.

Sección Sindical Unitaria en Navantia-Ferrol

Comentarios

Los comentarios anónimos están moderados, por lo que no se garantiza su publicación, sólo los usuarios registrados podrán comentar sin moderación.
La redacción del Rojo y Negro no se hace responsable de los comentarios vertidos, al tiempo que se reserva la eliminación de los comentarios de carácter sexista, racista, autoritario, o arbitrariamente insultantes hace personas concretas, así como el bloqueo del usuario que de forma reiterada no respete estos límites.

Enviar un comentario nuevo

El contenido de este campo se mantiene privado y no se mostrará públicamente.
CAPTCHA
Esta pregunta se hace para comprobar que es usted una persona real e impedir el envío automatizado de mensajes basura.
CAPTCHA de imagen
Enter the characters shown in the image.